Noticias de Hoy
Festa do becerro ao espeto na Piringalla
Fecha: 23/06/2018
Horario: 01:00 a 01:00

Festa do becerro ao espeto na Piringalla. San Xoán 2018

A Piringalla celebrará o San Xoán cunha nova edición da festa gastronómica do becerro ao espeto.

  • Lara Méndez, Darío Campos, Ricardo Varela, Jesús Vázquez e César Dorado presentaron esta cita, coa que colabora Concello e Deputación, posto que potencia un produto autóctono ao tempo que se dinamiza a zona norte da cidade
  • Repartiranse 3.500 racións de dous becerros de raza autóctona entre todas as persoas que se acheguen a Frai Xosé Gómez, de xeito gratuíto. Ademais haberá unha verbena, un sorteo dun total de 350 euros e unha fogueira

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e os presidentes da Asociación Veciñal e Cultural San Isidro da Piringalla, o da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa e o de ACRUGA, Ricardo Varela, Jesús Vázquez e César Dorado; respectivamente; presentaron este xoves, no Salón de Plenos, a XVIII Festa do Becerro ao Espeto, que terá lugar a noite de San Xoán, dende as 21:15 horas, na Praza Frai Xosé Gómez, entre a rúa Santo Graal e Mar Cantábrico.

Concello e Deputación apoian esta cita, que contribúe a dinamizar o municipio, potenciando, por un lado, un produto autóctono, e por outro, fomentando a economía da zona norte da cidade, ao tempo que se potencian os espazos de convivencia. No acto, ao que asistiu unha vintena de veciños e veciñas da zona, Méndez agradeceulle ao movemento asociativo organizativo e, polo tanto, ao colectivo veciñal, o maior potencial do municipio", o seu traballo, tanto por levar a cabo un ano máis esta festa, como por implicarse en facer cidade e en dinamizar Lugo. Así mesmo animou á cidadanía a achegarse á Piringalla con esta cita que pon en valor o sector primario, que temos que empezar a velo como oportunidade e non como alternativa de crecemento tal e como subliñou a rexedora.

O Presidente da Deputación apuntou que “é un pracer colaborar dende a Deputación con esta cita gastronómica, totalmente consolidada. Facémolo cunha achega económica de 3.000 euros, dentro da liña de promoción do sector primario e dos produtos autóctonos, o que nos converte na principal administración colaboradora con esta cita gastronómica, na que se conta que participen máis de 8.000 veciños e veciños”. Neste senso, Campos Conde recoñeceu a “enorme labor” das asociacións organizadoras “que dan mostra do bo facer dos lucenses”.

César Dorado amosou a súa satisfacción de doar un becerro ao pobo de Lugo para gozar desta festa, tan consolidada no calendario lugués. Pola súa banda, Jesús Vázquez agradeceu a colaboración da Deputación, do Concello e de ACRUGA que fan posible desenvolver esta feira, que agarda reunir este ano a unhas 8.000 persoas.

3.500 racións, música e unha fogueira
Na XVIII Festa do Becerro ao Espeto, tal e como explicou Ricardo Varela, repartiranse 3.500 racións de dous becerros de raza autóctona (Tenreira Galega) entre todas as persoas que se acheguen a Frai Xosé Gómez. Esta degustación gratuíta da mellor carne de Galicia tamén irá acompañada con pementos e pan, e de beber, cervexa, viño e refrescos. Para os máis cativos e cativas os organizadores ofrecerán pizza. Ademais haberá unha verbena a cargo do Grupo Bumerang e unha fogueira de San Xoán, a partir das 12 da noite. Para quentar motores, dende as 20:30 horas, actuará o grupo folk Xesta Verde. Tamén haberá un sorteo dun total de 350 euros.