Noticias de Hoy
lugo mostra facultade formacion profesorado
Fecha: 09/03/2021 a 20/04/2021

Exposición Educación en feminino: un paseo pola historia

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo acolle a mostra ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, que fai un percorrido pola historia da educación desde o papel das mulleres. A exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 20 de abril.

A través de 34 pósteres e paneis, o alumnado da materia de Historia e Teoría da Educación Escolar recupera a memoria de episodios singulares da historia da educación e salientan as importantes achegas realizadas por ducias de educadoras e colectivos femininos ao longo dos séculos.

A ‘viaxe’ comeza nos albores do século XIX con Juana de Vega e remata nunha figura actual e dinámica como é a de Gey Lagar.

A estes dous exemplos de educadoras súmanse nesta mostra as contribucións realizadas por outras mulleres senlleiras no eido da historia da educación, como Concepción Arenal, Concepción Sáiz Otero, Antonia de la Torre Martínez, Enriqueta Otero, Antía Cal, Sabela Díaz Regueiro ou o colectivo de mestras da montaña luguesa, representadas nesta ocasión na figura de Alicia López Pardo.

Ademais de poñer en valor o traballo e as contribucións destas mulleres, outro dos cometidos  da mostra é o de facer visible “as tantas veces minimizadas, cando non silenciadas”, achegas femininas, unha “inxustiza histórica ante a que a Facultade de Formación do Profesorado de Lugo non pode permanecer indiferente no século XXI”, segundo subliñou o profesor Francisco Candia.