Noticias de Hoy
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 22/10/2017
Horario: 13:00 a 13:00

Día de la Bicicleta 2017 en Lugo

Día de la Bicicleta 2017 en Lugo.

  • Volve o Día da Bici este domingo, cun percorrido íntegro polo centro da cidade de 6,5 quilómetros.
  • Todas as persoas interesadas en participar poden anotarse nas instalacións de Decathlon e na Voz de Galicia ata o sábado.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o delegado da Voz en Lugo, Miguel Cabana, e o responsable de Decathlon Lugo, Gorka Díaz, presentaron este martes, no Salón de Plenos, o Día da Bici, que se celebrará este domingo, 22 de outubro, cun percorrido íntegro polo centro da cidade de 6,5 quilómetros.

Durante o acto, a rexedora agradeceu tanto a La Voz de Galicia como a Decathlon Lugo e á Deputación a aposta por esta iniciativa, que combina lecer e deporte en familia. Así mesmo enmarcou esta cita dentro do compromiso do Goberno coa saúde e os hábitos saudables, pero sobre todo co modelo de cidade no que vén traballando, máis accesible, humana, sostible, social, integradora e máis verde; en definitiva, "un Lugo pensado para as persoas, onde cheguemos a conseguir unha convivencia en harmonía entre os vehículos e as bicicletas". Nesta liña, o Goberno puxo en marcha recentemente medidas como as zonas limitadas a 30, con preferencia ciclista, na Ronda da Muralla, Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo; e os 16 quilómetros de carrís bici que están proxectados dentro do Muramiñae, financiado con fondos FEDER.

Miguel Fernández adiantou as novidades desta edición, na que o percorrido enteiro será polo centro da cidade, o que lle dá maior vistosidade. A saída e a chegada serán no mesmo sitio, a carón da Casa Consistorial, cando antes a chegada era o Centro Comercial As Termas, polo que se trata dun recorrido moito máis seguro e fácil de controlar, sobre todo para os máis pequenos; así como máis longo e circular, con posibilidade de que calquera que non poida ou non queira seguir poda abandonar, estando preto do lugar da saída.

O percorrido
Todos os e as participantes deberán concentrarse na Praza Maior, diante da Casa Consistorial, ás 11:30 horas. A saída está prevista ás 12:00 horas, dende este praza baixando ao carón do Círculo das Artes, dirección rúa Bispo Aguirre. A marcha continuará por rúa Vilalba, Rodríguez Mourelos, Doutor Portela -ida e volta-, Avenida de Ramón Ferreiro -ida e volta á altura da rúa Pintor Corredoira-, Anxo López Pérez, volta completa á Ronda da  Muralla, con reagrupamento da marcha na rúa Vilalba, rúa Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, entrada no casco histórico pola rúa Montevideo, rúa Quiroga Ballesteros, rúa Santo Domingo, rúa da Raíña e chegada á Praza Maior.

O Concello deseñou un plan de tráfico para garantir a seguridade o éxito desta cita. Tanto a Policía Local como Protección Civil acotarán todo o percorrido para que non conflúa o tráfico rodado coa presenza das persoas asistentes ao evento.

Inscricións
Todas as persoas interesadas en participar poden anotarse no Decathlon ou nas instalacións de La Voz de Galicia ata o sábado día 21.