Noticias de Hoy
manifesto de lugo 2013
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 22/11/2013 a 23/11/2013

Conmemoración do 95º aniversario do Manifesto de Lugo

Conmemoración do 95º aniversario do Manifesto de Lugo

Cultura do País organiza, por quinto ano consecutivo, os actos de conmemoración do aniversario da Primeira Asemblea Nacionalista, celebrada no Hotel Méndez Núñez da cidade de Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918.

Desta volta decidimos facer as actividades en dúas xornadas:

O venres 22 de novembro de 2013 - ás 20:00 no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5) terá lugar a palestra da Mestra en Historia pola Universidade do Porto Eliana Brites Rosa. Esta investigadora do Centro de Estudos do Pensamento Português e doutoranda en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago, impartirá unha conferencia titulada «Quando a Galiza foi irmã e avó de Portugal: A Renascença Portuguesa (1912 – 1932) e as afinidades com a cultura galega».

O sábado 23 de novembro de 2013 - ás 23:00 na Sala Castelao (R/ Castelao, nº 2), celebramos outro ano máis a Festa Dandi. Para esta ocasión contamos cun grupo de Lugo: Milesios, que fai música de raíz irlandesa e galega e tivo exitosas participacións en varios certames de música folk, como o Proxecto Runas en Ortigueira ou o Certame Folk en la Sierra-FIS (2012), nos que foron finalistas. A entrada ao concerto é de balde.

Como vén sendo xa tradicional, na Festa Dandi convocamos os Premios Dandi -na súa quinta edición- para os mellores vestidos de estética dandi dos anos 20 de entre as persoas asistentes. Os premios consistirán en magníficas pezas de olaría de Bonxe.

Como prefacio destas actividades, a nosa Asociación integrará a habitual ofrenda que se vén facendo todos os anos nos actos que ten programados a plataforma Galiza pola Soberanía, que ten prevista unha homenaxe o sábado 16 de novembro ás 13:45 diante do Hotel Méndez Núñez.

Web: www.culturadopais.blogaliza.org