Noticias de Hoy
gabriela
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 07/06/2019
Horario: 21:30 a 21:30

Concierto de Gabriela Montero en Lugo

Concierto de Gabriela Montero en Lugo.

Gabriela Montero
As visionarias interpretacións de Gabriela Montero e o seu extraordinario talento para a improvisación permitíronlle ganar devotos seguidores por todo o mundo. Nacida en Venezuela,
Gabriela deu o seu primeiro recital aos 5 anos. Aos 8 anos fixo o seu debut con orquestra no seu Caracas natal, gañando por iso unha bolsa de estudos do Goberno para estudar en Estados
Unidos de América. Continuou os seus estudos na Royal Academy of Music de Londres,
graduándose cos maiores honores.

Recentemente destacan os recitais ofrecidos no Avery Fisher Hall, Kennedy Center, Wigmore
Hall, Konzerthaus de Viena, Philharmonie de Berlín, Alte Oper de Fráncfort, Philharmonie de
Colonia, Gewandhaus de Leipzig, Herkulessaal de Múnic, Sydney Opera House, Concertgebouw de Ámsterdan, Orchard Hall de Tokio, e nos Festivais de Edimburgo, Salzburgo, Lucerna, Ravinia, Tanglewood, Lugano, Saint-Denis, Aldeburgh, Istambul, etc.
Foi invitada a tocar con moitas das mellores orquestras do mundo, incluíndo as Orquestras
Filharmónicas dos Ánxeles, Nova York, Liverpool, Rotterdam e Dresde, as Sinfónicas de
Chicago, San Francisco, Houston, Pittsburgh, Detroit e Toronto, ou a da Gewandhaus de Leipzig.

Gabriela é tamén célebre polo seu talento para compoñer obras novas en tempo real, invitando
ao seu público a elixir temas sobre os que improvisar. Foi tamén galardoada polas súas gravacións. En 2015 gañou o premio Grammy® Latino ao mellor álbum de música clásica: Rachmaninov: Piano Concerto No. 2 – Gabriela Montero: Ex Patria. O seu celebrado disco debut, Bach and Beyond, contiña as súas propias interpretacións sobre temas de Bach. Así mesmo gañou dous Echo Klassik Awards. En 2008 recibiu tamén unha candidatura aos Grammy® por Baroque. En 2012 concedéuselle o Rockefeller Award pola súa
contribución ás Artes e en 2008 foi invitada a tocar na investidura presidencial de Barack Obama. Foi nomeada Cónsul Honoraria por Amnistía Internacional, e nomeada pola Human Rights Foundation, en recoñecemento ao seu compromiso pola situación dos dereitos humanos en Venezuela, e noutras partes do mundo.

Pensamentos que palpitan entre bemoles
Franz Schubert é unha figura crucial na transición do clasicismo ao romanticismo en música,
como sinala Jeremy Siepmann. Así, estando entre dúas sensibilidades, moita da súa música
consiste nunha combinación de paradoxo e ambigüidades. Por iso, unha das fontes da particular fascinación e impacto inevitable que produce a súa música está na mestura da intensidade emocional coa moderación do clasicismo, traspasando os seus albores formais e expresivos, dando lugar a páxinas nas que, como cita o compositor Benet Casablancas, parece producirse unha verdadeira suspensión do fluír temporal e nas que o detalle é abandonado literalmente ás súas propias forzas, sen que poida xa encontrar refuxio na idea de totalidade que o marco das grandes formas clásicas lle outorgaba. Deste modo se explica a idoneidade e relevancia de novos tipos de obras e modelos como son os Impromptus, invencións únicas e irrepetibles, nos que como di o filósofo Friedrich Schelling:

Durante os instantes da contemplación, o tempo e o instante de duración desaparecen para nós: non somos nosoutros os que estamos mergullados no tempo, senón que é o tempo, máis aínda, a pura eternidade absoluta, a que está en nós.

A serie de Impromptus D.899 consta de catro pezas compostas a finais de 1827 e forman unha colección de obras inmortais nas que as tonalidades de bemoles reinan cunha expresividade inaudita. O Impromptu D.899 nº 1 en do menor, alterna un tema docemente obsesivo e encantado con ritmo de marcha lenta, con outro máis fluído e expansivo en la bemol maior, como apunta Brian Newbould. O Impromptu D.899 nº 2 en mi bemol maior iníciase cun
moto perpetuo sobre unha textura de acompañamento aparentemente simple, inclúe unha
poderosa sección en si menor e posúe, como sinala András Schiff, unha característica
infrecuente: habendo bastantes pezas que empezan en modo menor e acaban en modo maior,
moi poucas, como esta, empezan en modo maior e acaban en modo menor. Este detalle podería
parecer irrelevante, pero é importante, pois empeza moi agradablemente e culmina
dramaticamente, cunha coda de colores moi expresivos. O Impromptu D.899 nº 3 en sol bemol
maior é unha mostra da inesgotable mestría do seu autor, que obra o milagre de manter durante máis de cinco minutos a mesma bela textura cunha inspiración sublime e inesgotable.

Encarna o modelo poético da miniatura íntima e lírica do pianismo romántico. O Impromptu D.899 nº 4 en la bemol maior comeza curiosamente en modo menor. En palabras de Harry Halbreich, a peza iníciase cun voo como de bolboretas e etéreo de arpexos perlados na man dereita baixo o cal vai cantar a man esquerda. Un episodio central apaixonado e escuro en do sostido menor aporta un contraste expresivo tras o que regresa o espírito inicial de lixeireza e virtuosismo. Rachmaninov abandonou Rusia en decembro de 1917, apenas un mes despois da Revolución Bolchevique, e finalmente estableceuse nos Estados Unidos de América. A separación da patria aumentou a súa innata predisposición á nostalxia, e en anos posteriores lamentouse publicamente da imposibilidade de volver á terra da súa infancia.

Os antecedentes de Rachmaninov foran privilexiados. O seu pai e o seu avó paterno, ambos os
dous con dons musicais, desenvolveran unha carreira no exército. A súa nai era a herdeira de
cinco fincas, unha das cales (cerca de Novgorod, a 120 quilómetros ao sur de San Petersburgo)
ía ser a casa onde pasou a súa infancia o futuro compositor. Alí, o xove Sergei e os seus irmáns
foron educados por titores privados e institutrices. Ao parecer, orientado dende novo para ser
oficial do exército, pronto mostrou tal talento musical que a súa familia decidiu investir en clases de piano, contratando a Anna Ornatskaya, unha graduada do Conservatorio de San Petersburgo.

Mentres tanto, debido a unha desafortunada imprevisión, o seu pai foi malgastando gradualmente a riqueza que conseguira. Á idade de oito anos, Sergei tivo que se mudar coa súa familia a un abarrotado piso en San Petersburgo, gañando unha bolsa para estudiar no conservatorio. Finalmente, o seu pai abandonou o fogar familiar e confiou á súa esposa o coidado dos nenos.

Pero o xove Rachmaninov aínda gozaba dunha existencia relativamente despreocupada: a
miúdo faltaba ás súas clases no conservatorio para patinar ou nadar, e mesmo falsificaba as
notas nos seus informes académicos. Sen embargo, na primavera de 1885 suspendeu todos os
seus exames e, por recomendación do seu primo Alexander Siloti, alumno de Liszt, foi enviado a Moscova para someterse á tutela de Nikolai Zverev. Para un neno de doce anos tan
impresionable, o cambio foi colosal, e dende ese momento en adiante, expresou constantemente o seu desexo de estar nun lugar diferente do que estaba. A súa música tamén, de maneira implícita, coa súa alternancia de nostalxia e protesta apaixonada.

Outra experiencia da infancia que se imprimiu na música de Rachmaninov foi o ritual da Igrexa ortodoxa, especialmente o seu canto coral e o repicar de campás. Estas imaxes sonoras, xunto cunha atmosfera xeral de sufrimento fronte á perda, son sempre evidentes baixo as
extravagantes texturas das súas dúas sonatas para piano, a primeira de 1907, a segunda de
1913. Como a súa segunda colección de Preludios e o primeiro grupo de Estudos, a Sonata nº 2
en si bemol menor compúxose na finca de Ivanovka, a uns 600 quilómetros ao sueste de
Moscova. A finca fora recentemente cedida á súa esposa e ao seu cuñado, pero en realidade
xestionábaa o propio Rachmaninov, encontrando alí un refuxio de verán para dedicarse á
composición, lonxe da súa estresante rutina de actuacións e xiras.

A Sonata en si bemol menor comeza cun mergullo no abismo, e todo o primeiro movemento, de feito practicamente toda a obra, explora as diferentes formas en que este mergullo se pode
transformar e moldear en grandes parágrafos musicais. O impresionante son das campás antes
da recapitulación do primeiro movemento, e as evanescentes secuencias en medio do movemento lento (case como un intermezzo), son só dous dos exemplos máis sorprendentes. O final, que volve subitamente ao remuíño, está dominado polo mesmo principio. Fronte a toda esta obsesiva caída, emerxe unha das ideas líricas máis inesquecibles de Rachmaninov, escoitada por primeira vez aos dous minutos do inicio do Allegro agitato. Está construído ao redor do ritmo siciliano e da reiteración dun centro melódico, algo que tamén caracteriza algúns dos seus preludios máis coñecidos.

En 1931, a sonata foi sometida a unha extensa revisión, que consistiu en gran parte en recortar o que se podería considerar material repetitivo ou demasiado elaborado. Tamén é máis
transparente en textura. Rachmaninov comparou o orixinal coa segunda sonata de Chopin, a
Marcha fúnebre, tamén en si bemol menor, sinalando que "dura dezanove minutos e o din Os pianistas e críticos non están de acordo cos respectivos méritos das versións orixinal e
revisada. Horowitz, cuxa defensa da obra axudou moito para mantela no repertorio, fixo a súa
propia versión, restaurando parte do material cortado. Quizás a verdade é que ningunha das
versións é obxectivamente superior, senón que cada unha apela a un tipo de temperamento
diferente. De forma que, entón o intérprete pode simplemente elixir a versión que lle chegue máis profundamente. Sexa cal sexa a opción elixida, dominar as complexas texturas é só o comezo do desafío, xa que o virtuosismo e os enormes pasaxes secuenciais non son só para o mero lucimento. Son elementos estruturais funcionais e interdependentes, ao servizo dunha
desesperada paixón e unha transcendental tristeza, esixindo control arquitectónico e xenerosidade retórica en igual medida.

Unha das habilidades que a pianista Gabriela Montero domina coa sabedoría dunha experta
é a arte da improvisación. É unha calidade desenvolta moi pouco común, que non está ao
alcance de calquera pianista, e que nos permite percorrer o privilexiado itinerario de escoita
inédito, inaudito polo que nos guía. É un misterio que se desvela en cada recreación e que
desaparece a cada instante. Unha melodía, unha obra musical, un estado de ánimo, un tema, o
estilo dun compositor admirable, unha paisaxe natural, un ritmo, unha inspiración poden servir como pretexto. Calquera é libre de facer unha proposta para despregar a súa imaxinación.

Juan Ignacio Martínez Pardo.