Concierto a cargo de la Orquestra Sinfónica Vigo 430 en Lugo

Fecha 31-05-2019
Hora 20:30
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

Concierto a cargo de la Orquestra Sinfónica Vigo 430 en Lugo.

A Vigo 430 comeza a funcionar no ano 2005, coa premisa de crear un núcleo de corda de calidade na cidade de Vigo para, xa a partir do 2009, abordar progresivamente repertorio sinfónico.

Nos seus inicios foi coñecida como Ensemble Vigo 430 debido ao seu interese en potenciar precisamente ese núcleo de corda e no que a presenza das seccións de vento era mínima e os programas a abordar moi centrados na música para orquestra de cámara do clasicismo e do barroco pero con incursións tamén na música contemporánea. A partir do 2009 comezan a incluírse repertorios para orquestra completa, centrándose neste tipo de composicións as súas programacións dende ese momento e pasando a configurarse un núcleo de ventos tamén estable. Cámbiase neste momento o nome a Orquestra Vigo 430 ao entenderse que responde mellor ao espírito e realidade da nova formación. No 2011 comezan a organizarse os seus primeiros ciclos estables de música compostos por programacións de catro concertos coa intención de configurar unha tempada musical. No 2012 créanse as primeiras seccións para atender as necesidades do proxecto; así en setembro dará o primeiro concerto a Orquestra Xove, unha orquestra dirixida a rapaces e que pretende servir de canteira musical e formativa para aqueles músicos que aspiren a formar parte da agrupación principal. Deste modo comeza a denominarse a agrupación principal como Orquestra Sinfónica, diferenciándose así da Orquestra Xove. No ano 2014 créase ademais a sección especializada en música antiga, a Orquestra Barroca. Froito de todo este traballo de máis de dez anos é o recoñecemento recibido no 2014 ao ser galardoado o proxecto 430 cos Premios Martín Códax na categoría de Música Clásica e contemporánea. A partir do 2015 comeza a súa andadura como orquestra residente do Auditorio Mar de Vigo.

Paolo Bortolameolli, director

O director chileno Paolo Bortolameolli é o actual director asistente de Gustavo Dudamel na Filharmónica dos Ánxeles, unha sorte de Olimpo musical que tivo no seu podio a figuras como Zubin Mehta ou Esa-Pekka Salonen. Iniciou os seus estudos de dirección en Santiago de Chile e logo debutou o 2013 no Municipal á fronte da Orquestra Filharmónica de Santiago. Continuou a súa carreira dirixindo en distintos teatros de América Latina, España e Estados Unidos de América. Foi semifinalista no Concurso Mahler o 2016 e director invitado da Orquesta Joven de las Américas no ano 2017 ata que en xullo dese ano se confirmaba que Paolo Bortolameolli era nomeado director asistente da Orquestra Filharmónica dos Ánxeles.

Ten un Máster en Música en Condución Orquestral da Yale School of Music, e tamén se formou no Peabody Institute, onde estudou baixo a guía de Gustav Meier e Markand Thakar. Traballou con renomeados mestres, como Helmutt Rilling, Marin Alsop e Gustavo Dudamel, entre outros, e estudou con Bernard Haitink, Pavo Järvi, Leonid Grid e Peter Oundjiam.

Anastasia Kobekina, violonchelo

Anastasia Kobekina, un dos talentos máis prometedores da súa xeración, tivo o seu debut con orquestra á idade de seis anos; dende entón presentouse con grandes orquestras como Moscow Virtuosi, Kremerata Baltica, Vienna Symphony Orchestra, Sinfonía Varsovia, Orquestra do teatro Mariinsky, a Orquestra Sinfónica de Toulouse e moitas outras, baixo a dirección de Krzysztov Penderecki, Heinrich Schiff, Vladimir Spivakov e Valery Gergiev. Na pasada tempada fixo o seu debut coa orquestra Konzerthaus de Berlín, a Orquestra Sinfónica MDR e a Orquestra Sinfónica de Wuppertal.

Unha das principais actividades e gran paixón desta xove violonchelista é a música de cámara participando en numerosos festivais con artistas como Gidon Kremer, Yuri Bashmet, Vladimir Spivakov e Andras Schiff.

En 2015, ganou o primeiro premio no Concurso TONALi en Hamburgo, Alemaña, e en setembro de 2016 obtivo o segundo premio no Concurso George Enescu en Bucarest.

Nacida nunha familia de músicos, recibiu as súas primeiras leccións de violonchelo á idade de catro anos na súa cidade natal, Ekaterinburgo, a capital dos Urais. Completou os seus estudos na Escola Central de Música en Moscova e logo foi invitada a estudar na famosa Academia Kronberg en Alemaña con Frans Helmerson. Actualmente, Anastasia está estudando na Universidade de Artes de Berlín na clase do profesor Jens Peter Maintz. Anastasia actúa cun violonchelo de Giovanni Baptista Guadagnini que data de 1743.

Así ten que ser

Que Octavio Vázquez é unha das cabezas máis ilustres e inspiradas que alumou a nosa cidade é algo tan obvio como necesario lembrar para inflamar o noso orgullo. E aínda que case toda a súa formación e carreira como compositor desenvolveunas á outra beira do Atlántico, non perdeu de vista as súas orixes e nalgunha ocasión a musa rumoreoulle recordos destas terras. Dada a súa mocidade, resulta perigosamente precoz sacar conclusións sobre o seu estilo xa que aínda queda moito por facer. Si podemos, con todo, describir algúns trazos que están presentes na maioría das súas composicións: aromas clásicos en canto a estruturas e plantillas instrumentais, xunto a unha linguaxe nova minuciosamente construída sobre técnicas de vangarda.

En relación á obra que imos escoitar, convén estar en disposición para ser guiados (tal e como faría o Hermes portador das almas), por unha viaxe sensorial pouco convencional durante apenas vinte minutos.

Non podemos deternos, por moi fascinante e tentador que resulte, en detalles técnicos, pero a partitura encerra varias citas a músicas de Mozart e Beethoven. Durante a maior parte da obra a orquestra enfróntase entre cordas e ventos, os violíns están divididos en grupos de tres e nun principio a intervención dos instrumentos é tan dispersa que a sensación é desoladora. A paisaxe que se describe durante a súa audición é movediza, con moitos contrastes en intensidade e dinámica e de cando en vez, nesa escuridade, debúxanse con dozura harmonías familiares. Os tutti (a orquestra ao completo) son escasos e por tanto, provocan un efecto arrepiante. Atopamos seccións de contrapunto que evocan as fugas barrocas e ao final, unha volta ao comezo da obra… é o destino cara ao que o propio Hermes nos conduce? o mesmo destino que barruntaba no Beethoven do “Muss é sein?” (“Ten que ser?”) que preguntan unha e outra vez as frautas homenaxeando ao compositor clásico.

Din que ese mesmo destino moveu as plumas de Elgar e Chaikovski cando escribiron as súas dúas últimas obras: un concerto para violonchelo e unha sinfonía, respectivamente. Elgar espertou da anestesia, tras unha operación de amígdalas, cunha melodía agarrada ao seu oído que lle pedía insistentemente que a materializase en papel. Segundo parece, foi así como naceu o tema principal do primeiro movemento. O concerto en conxunto é impresionante, só o comezo é tráxico: ábrese cun berro desgarrado do violonchelo, interrompido fugazmente por un clarinete, despois óuvese afastada a melodía principal, que repite o solista e desemboca nun terrible tutti. Este ton de desesperación mantense durante toda a obra, aínda nos movementos máis lixeiros como no segundo, onde a rapidez transmite unha alegría forzada, un scherzo moribundo, unha broma macabra. Na terceira parte o violonchelo toma o control e parece alumar un ton optimista na súa canción. Pero o final, que se abre cunha cadencia do solista, vólvese pronto cara ao ritmo de marcha, nun cortexo fúnebre con alusións ao tema principal do primeiro movemento.

Nesta obra Elgar xa non é o vitoriano orgulloso de “Pompa e circunstancia”. Nos seus días de recuperación tras a cirurxía, dicía que dende a súa casa de Essex podía escoitar os ecos dos bombardeos que chegaban dende a Gran Guerra. Tamén a estrea desta obra foi desastrosa: compartía programa con outra obra que acaparou os ensaios, así que a orquestra presentou o concerto sen apenas coñecelo. Quen o levou á lista dos grandes éxitos da música foi unha novísima violonchelista chamada Jacqueline du Pré, e converteuno nunha peza case obrigada de repertorio do virtuoso do instrumento.

Chaikovski tampouco estaba no seu mellor momento cando concibiu a escritura da que sería a súa sexta e última sinfonía. O sobrenome de Patética deullo con posterioridade o seu irmán, aínda que na acepción de sentimental ou conmovedora. Hai quen ve no dramatismo desta obra unha predición da inminente morte do autor, que á súa vez tamén foi motivo de conxecturas por parte dos biógrafos. O certo é que a vida de Chaikovski non puido ser, a grandes liñas, feliz ou tranquila. Sen entrar en moitos detalles, a sociedade asfixiou a un home extremadamente sensible ás reaccións dos demais. Hai quen di que foi o seu último romance o que o levou, nun xiro tráxico do destino (outra vez), ao suicidio. Bebendo un vaso de auga sen ferver contraeu o cólera e así evitou que saíse á luz a súa aventura cun mozo de clase alta. En calquera caso, esta sinfonía afástase bastante do Chaikovski dos ballets, excepto no segundo movemento onde un valse mareado en compás de cinco partes evócanos algunhas daquelas obras. Segundo Roland John Wiley, o propio compositor confesou a un amigo a existencia dun programa para esta sinfonía, é dicir, que estaba baseada nunha historia, pero que nunca xamais a ía a revelar… É verdade que hai unha melodía elexíaca ao parecer obtida dalgún himno funerario ortodoxo que fía os movementos primeiro, segundo e cuarto.

Tamén o inicio da obra é moi similar (unha cita quizais?) ao comezo da sonata Patética de Beethoven, aínda que sería a única mención ao compositor alemán en toda a obra. O mesmo que repetía como mantra do destino “Ten que ser?: ten que ser!” (“Muss es sein?: Es muss sein!”).

Teresa Adrán

Publicidad

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×