Noticias de Hoy
chocolate
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 11/12/2018
Horario: 17:30 a 17:30

Chocolatada Xusta 2018 de Lugo

Chocolatada Xusta 2018 de Lugo.

Achégase o Nadal e con el a época máis consumista do ano. Coa vontade de sensibilizar sobre a necesidade de consumir responsablemente, tamén, durante estas datas, o Mercado da Terra e a iniciativa Lugo Xusta organizan o vindeiro 11 de decembro a terceira edición da Chocolatada Xusta. A partir das 17:30 horas, o Mercado Municipal Quiroga Ballesteros da cidade acollerá unha xornada lúdica e de concienciación sobre o impacto que ten o noso consumo cotiá noutras persoas e o medio. Tamén, sobre a importancia de consumir de xeito responsable e xusto a través de iniciativas que se atopan nos nosos barrios e vilas. Son propostas que ofrecen produtos nos que se garante o respecto dos dereitos das persoas que participaron no proceso de produción, distribución e venda dos produtos; e o respecto do medio ambiente e das comunidades que o habitan.

As persoas que asistan poderán desfrutar dun chocolate de Comercio Xusto acompañado dun anaco de biscoito elaborado, tamén, con produtos ecolóxicos e de comercio xusto. Antes, e para poder degustalo, deberán participar nunha xincana para todas as idades na que se reflexionará sobre o proceso de produción e comercialización dos produtos que consumimos a diario.

Ademais da xincana, tamén haberá un espazo de circo e unha actuación musical. A Chocolatada pecharase co sorteo dunha cesta de produtos de Comercio Xusto, ecolóxico e de proximidade, similares aos que estarán á venda toda a tarde en distintos postos. As rifas poderán adquirise por 1 euro a partir do 4 de decembro no Mercado da Terra e nos establecementos de entidades adheridas á Campaña Lugo Xusta.

Programa

  • 17:30h Apertura. Postos de venda e xincana con Chocolatada Xusta
  • 18:00h Show 'Circo Improvisto' por parte de Duende Circo
  • 19:00h Actuación dos Amigos do Caldeiro cos seus Cantos de Taberna
  • 19:45h Sorteo dunha cesta de produtos de Comercio Xusto

Organizan

Mercado da Terra é un Mercado de produtos ecolóxicos e locais organizado dende hai seis anos pola asociación de consumidoras O Bandullo Ecolóxico. Celébrase todos os martes de 17 a 20h no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros e pretende ser un encontro entre produtoras e consumidoras.

Lugo Xusta é un grupo de traballo cidadá composto por persoas e polas entidades Asemblea de Cooperación pola Paz, Bico de Grao, Mans Unidas, Solidaridade Internacional de Galicia e Taller de Solidaridad. O seu obxectivo principal é converter Lugo nunha cidade polo comercio xusto, para o que dende 2014 realiza diferentes actividades de sensibilización. As entidades adheridas a esta campaña colaboraron coa organizacion.

Coordinadora Galega de ONGD. Entidade formada por 46 ONG de Desenvolvemento que traballa para acadar a xustiza social e o fin das desigualdades globais.

Colabora: Vagalume C.S.-C.A