ArteSanFroilán 2017 de Lugo

Fecha 1-10-2017 a 15-10-2017
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

ArteSanFroilán 2017 de Lugo.

25 profesionais, principalmente da provincia, participan no ArteSanFroilán do Goberno da Deputación

  • García Porto e Basadre Vázquez inauguraron este sábado a XXI edición da mostra de artesanía organizada polo Executivo Provincial para promocionar e impulsar o traballo dos artesáns lucenses e galegos coincidindo coas festas patronais da capital
  • A Deputada de Cultura subliñou que “o ArteSanFroilán é unha oportunidade única para promocionar a riqueza artesá da nosa provincia, dentro e fóra das nosas fronteiras, enmarcada no Plan estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo”
  • Nesta edición, participan 25 artesáns que amosarán os seus traballos en marroquinería, bixutería, coitelería, xoiería, pintura ou escultura, entre outras
  • Esta mostra, que ten lugar na Praza Anxo Fernández Gómez de Lugo, poderase desfrutar de balde ata o 15 de outubro nun horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez, acompañadas do Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, inauguraron este sábado a XXI edición do ArteSanFoilán, que estará aberto ata o 15 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez de Lugo. Trátase da mostra organizada polo Executivo Provincial, a través do Centro de Artesanía e Deseño, para promocionar e impulsar o traballo dos artesáns lucenses e galegos, coincidindo coas festas patronais de Lugo.

García Porto subliñou que “o ArteSanFroilán é unha oportunidade única para promocionar a riqueza artesá da nosa provincia, dentro e fóra das nosas fronteiras, enmarcada no Plan estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo”. A Deputada de Cultura lembrou o compromiso do Goberno da Deputación cos oficios artesanais, “pois defendemos a artesanía e estes oficios como sinal de identidade na provincia para xerar riqueza, novos postos de traballo e fixar a poboación no rural” remarcou.

Basadre Vázquez destacou  o acervo cultural que supón o San Froilán, que naceu como un elemento cultural popular da xente de Lugo, como unha feira de gando e ferramentas, “que non estaría completo sen esta feira de artesanía”. Nesta liña, a Concelleira de Cultura felicitou ao Executivo Provincial por poñer en valor e investir en actividades que acompañen ao San Froilán e fixo fincapé nesta feira como elemento dinamizador da economía luguesa.

Nesta ocasión, os participantes son todos profesionais cuxas pezas son de creación e produción propia. Ademais, todos os materiais empregados son transformados dende unhas materias primas autóctonas: madeira, ferro, coiro, cerámica, etcétera. Haberá postos de marroquinería, bixutería, coitelería, xoiería, pintura ou escultura, entre outras disciplinas artesanais. A Deputación conta cun stand onde ofrece información turística dos Concellos da provincia, rutas de sendeirismo e viaxes en catamarán.

A mostra, que permanecerá na carpa da praza Anxo Fernández Gómez ata o vindeiro 15 de outubro, estará aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A entrada, coma sempre, é totalmente gratuíta.

Artesáns participantes
Para a selección dos 25 artesáns puntuouse favorablemente a calidade e coherencia no uso de técnicas, tecnoloxías, materiais, cores e tódolos compoñentes do proceso de elaboración das pezas. Ademais valorouse a utilización de materias primas autóctonas; pezas que permitan unha fácil interpretación e ligazón co territorio; ou a innovación tanto nos procesos e materiais empregados como no uso das tecnoloxías de información. Tamén se tivo en conta a antigüidade da Carta de Artesá e se o Obradoiro está inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Os seleccionados son:

– Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada): O nome do stand deste artesán que xa ha participado en varias edicións do ArteSanFoilán, é Celso Ferreiro Cuitelos Fonsagrada. Celso leva traballando máis de 15 anos coa coitelería tradicional de Fonsagrada, recuperando do esquecemento un proceso no que se solda a calda, e introducindo novos materiais e conceptos que se poden ver no seu taller situado na parroquia de San Martín de Suarna.

– Alfonso Otero Regal (Foz): O nome do stand é Regal Cerámica Artesán. É de Nois pero leva traballando todo a súa vida en Viveiro. Xa participou en varias edicións do ArteSanFoilán nas que amosa os produtos de cerámica elaborados en gres a alta temperatura, e decorados a man que por el mesmo.

– Carla Canedo Martínez (A Coruña): O nome do stand é Carla Alfaia e este ano será a segunda vez que participe no ArteSanFoilán. Esta artesá traballa a man con xoiería en prata, concretamente coa técnica da filigrana, que intenta recuperar do esquecemento aportándolle un toque máis contemporáneo.

– José Ramón Lleó Fissure (Lugo): O nome do stand é Rappa-Taller. Leva traballando máis de 30 anos con curtido vexetal facendo marroquinería e complementos. Os produtos están cosidos o 95% a man para que sexan máis sostibles e estéticos. Participou en numerosas edicións do ArteSanFoilán.

– Amalgama (Lugo): Adolfo Domínguez Casais participou en varias edicións do ArteSanFoilán. Adolfo leva máis de 20 anos dedicados a traballar con xoiería e Carmen outros 20 a cestería tradicional, ecolóxica e contemporánea. Posúen unha tenda na cidade, Amalgama, na que ofrecen talleres e espazos para achegar á xente á artesanía.

– Pablo Rodríguez González (Quiroga): Armaior é o taller visitable que ten en Quiroga. Esta é a terceira vez que participa no ArteSanFoilán, e leva traballando coa madeira máis de 15 anos. Esta ano amosa útiles de cociña feitos con madeira de oliva, porque as propiedades desta madeira fan que sexa a máis adecuada para o seu uso na cociña, principalmente polas súas propiedades antibacterianas.

– Ana Isabel Novo Barreiro (Lugo): Esta é a terceira vez que participa no ArteSanFoilán, co stand Tres Caracoles, no que amosa todo o seu traballo co coiro como moedeiros, bolsos, fundas de móbil entre outros complementos. Dedícase profesionalmente dende fai 5 anos e ten un taller/tenda na cidade de Lugo onde se exhiben todos os produtos feitos a man por expertos artesáns.

– Manuel Arturo Villares Ochoa (A Coruña): Este artesán coruñés é a terceira vez que participa no ArteSanFoilán, co stand A Feitura, o taller que ten na Coruña dende o ano 1994. Leva traballando dende moi pequeno con xoiería en prata de 1ª lei como aneis e pendentes. A súa produción en ouro adoita ser personalizada buscando unha máxima conexión cos desexos dos seus clientes.

– Vidal Revilla Villegas (O Cervo): Leva participando 9 anos no ArteSanFoilán. Comeza a súa actividade profesional no traballo artesán do coiro de forma autodidacta no ano 1985. Traballa el só no seu taller, no que realiza todo o proceso a man; investiga o oficio tradicional e trata de recuperar procedementos que están a piques de perderse. No seu stand poderanse mercar artigos como maletíns, bolsos, mochilas, maletas… Todos os artigos están realizados con peles de vacún de primeira calidade, curtición 100% vexetal de produción nacional, peles de ovino e porcino para forros e herrajes de latón aceiro e zamak.

– María Rodríguez Arias (Lugo): Ofrece os seus traballos de xoiaría no taller M&N situado na capital lucense. Empezou a traballar no sector da artesanía hai 10 anos e unha das súas especialidades e o deseño e confección de colares en prata e pedras semipreciosas.

– María Isabel Carril Quiroga (Lugo): É a segunda vez que participa no ArteSanFoilán. No ano 2011 decide emprender un novo camiño e centrarse no ganchillo e as manualidades, dedicarse exclusivamente á cerámica, coa apertura dunha nova tenda online www.lanalutum.com. No seu stand ofrecerá artesanía utilitaria como pratos, vasos ou cubertos, tamén produtos de decoración y de xoiaría: colares, aneis, pendentes, etcétera.

– Iria Pigueiras Vilar (Viveiro): Participou nas oito últimas edicións do ArteSanFoilán. Dedícase á artesanía dende fai nove anos. Arte Imavi é o nome do seu negocio, no que vende todo tipo de obxectos de artesanía, música e fotografía. Leva a súa tenda portátil por moitas das feiras que se celebran tanto na Mariña como noutros puntos da xeografía galega. No seu stand ofrecerá complementos artesanais de bixutería.

– Alejandro García Lourés (Lugo): é o segundo ano que participa no ArteSanFoilán. Este rapaz lucense fai bonecos de lana a ganchillo dende fai tres anos, sobre a tradición cultural e musical de Galicia e deseña figuras de gaiteiros e gaiteiras co traxe típico tradicional galego ou de oficios como labregos, pescadores, polbeiros, entre outros. Todos estes serán expostos no seu stand desta edición.

– Senda  (Pobra do Brollón): Javier De Castro Rodríguez é un dos artesáns que compoñen este taller de marroquinería situado no municipio da Pobra do Brollón. Participaron en numerosas edicións do ArteSanFoilán, e levan máis de 20 anos traballando con curtido vexetal ecolóxico e coa técnica centenaria do aormado en coiro.

– Inmaculada Díaz Cabado (Lugo): Leva participando varias edicións no ArteSanFoilán co stand Barroenvivo, como o nome do taller que ten na cidade de Lugo. Esta ceramista amosará parte do seu traballo como os cuncos, animais ou debuxos animados, entre outros, que deseña, crea e pinta.  

– Roberto Lascano Lascano (Lugo): Artesanía o mestizo é o nome do stand co que participa este artesán por quinta vez no ArteSanFoilán. Roberto ten unha tenda online http://omestizo.blogspot.com.es/ na que vende todos os produtos que produce con coiro como bolsos, mochilas ou carteiras entre outros, mesturando técnicas galegas e de distintos puntos do mundo como Sudamérica.

– Ester Díaz Vidal (Mondoñedo): participou en 7 edicións do ArteSanFoilán. Aprendeu a traballar con coiro no ano 2001 e dende o 2007 vive exclusivamente da artesanía, participando en diferentes feiras ao longo e ancho do territorio. Ten varias pezas expostas na tenda Amalgama, de Lugo. Na feira ofrecerá artigos de diferente índole: carteiras, axendas, espellos, bolsos, torques…Todo traballado a man, sen nada de maquinaria.

– Mónica García Grandío (Lugo): É a segunda vez que participa no ArteSanFoilán. Dedícase á artesanía dende fai cinco anos, ao quedarse sen traballo e dispoñer de máis tempo libre comezou a facer cousas para a súa nena Marina, que da nome ao seu stand: Mis Marinillas, no que vai a expoñer diferentes complementos de moda e deseño.

– Sabela Palacio: (Santiago de Compostela): É a titular do taller que mereceu o recoñecemento ó mellor stand do ArteSanFoilán no 2011, O Sapo Chosco. Dedícase dende hai 28 anos á elaboración de miniaturas en pasta de cerámica e decoración en cartón pedra. Participou de maneira ininterrompida no ArteSanFoilán dende o ano 2007 menos nas edicións de 2012 e 2015.

– Ana Belén Barral Valiña (Guitiriz): O nome do stand é Lucecús. É a segunda vez que participa no ArteSanFoilán e realiza complementos de moda con feltro e bonecos de lá realizados coa técnica de tecer amigurumi. Todos os produtos son feitos a man e encárgase de todo o proceso, dende os deseños ata o empaquetado.

– Ramiro Rodríguez Domingo (Quiroga): O nome do stand é Patapúm como o taller que ten na aldea de Cobas, en Quiroga. Esta é a terceira vez que participa no ArteSanFoilán. Leva máis de 20 anos producindo roupa, bixutería e complementos que crea, pinta e decora el mesmo.

– Graciela Jiménez Azcoitia (Ourense): O nome do stand é La Aguada Artesanias. Esta artesá, que participa por primeira vez no ArteSanFoilán, ten un obradoiro especializado nas artes do lume, bixutería e pequeno formato en Ribadavia, Ourense. Traballa o esmalte sobre cobre, fusing de cristal de Murano, cerámica e decoración sobre porcelana.

– Noé Oliveira Costas (Pontevedra): Participa por primeira vez no ArteSanFoilán co seu stand Chorima. Este profesional da marroquinería, que traballa con curtición vexetal, ofrece bolsos, mochilas, cintos ou diferentes pezas de decoración. Posúe un obradoiro en Pontevedra, onde traballa en novos dieseños.
– Alejandra Iglesias Súarez (Lugo): Esta artesá participa por primeira vez co stand Mi madre no me deja. Posúe un obradoiro con outra artesá na cidade, na que imparten actividades de debuxos, ilustracións ou esculturas, entre outras moitas. Estas profesionais da serigrafía artesanal, traballan sobre papel, téxtil e cerámica cos seus propios deseños. No posto ofrecerán xoiería, complementos, vaixelas, láminas, camisetas ou mochilas.

Publicidad

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×