Noticias de Hoy
elasss__large
Localidad: A Coruña
Fecha: 22/01/2016 a 05/02/2016

Exposición en A Coruña: Elas

Do 22 de xaneiro ao 5 de febreiro a Sede Afundación da Coruña acolle a exposición «Elas». Estamos ante os trinta e oito cadros orixinais das pintoras galegas Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro, que ilustran o libro Elas de Aurora Marco. Unha edición de luxo, que recolle o celme das mulleres máis sobranceiras da nosa historia. Na presente mostra, as artistas plasman a súa visión de cada unha delas. Unha pegada feminina indelébel que se reivindica con este proxecto a través da escrita e da plástica.

Horario. Luns a venres de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 h.

A mostra nace a partir do proxecto que a Xanela Editorial publica baixo o nome de Elas, de Aurora Marco. Despois dun longo traballo de investigación que durou máis de dúas décadas, a autora regálanos esta xoia histórica para reivindicar a presenza firme da muller galega en diferentes eidos. Todas as mulleres que nos presenta neste libro ilustrado plasman a realidade de distintos xenios, que desde unha posición relativamente visíbel achegan a reivindicación dos espazos femininos.

A obra complétase coas dezaseis serigrafías das pintoras da mostra, debidamente numeradas e asinadas por cada unha das artistas. Estamos, pois, ante unha edición de luxo, limitada a 155 exemplares, constando así nunha acta notarial que acompaña a cada un, numerados do 1 ao 155. Preséntase ademais en estoxo.

A obra ve a luz o 30 de xaneiro na Sede Afundación da Coruña da man da propia creadora e mais de José Manuel Calviño, director de A Xanela Editorial.

Elas foi impreso en Gráficas Anduriña de Poio; as serigrafías foron realizadas no obradoiro Espazo do Paraná de Santiago de Compostela, e a encadernación a cargo do artesán Pablo Pino (Encadernacións Pino de Vigo).