Principais ENTROIDOS 2018 da provincia de Lugo

Fecha 9-02-2018 a 14-02-2018
0 Flares Filament.io 0 Flares ×

O Goberno da Deputación impulsa o turismo e a cultura colaborando cos principais entroidos da provincia.

  • Santos Ramos presentou este mércores no CENTRAD o Entroido Ribeirao, de Chantada; o Oso do Salcedo, da Pobra do Brollón, o Val de Francos, de Castro de Rei, e o Enterro da Sardiña, en Viveiro, cos que colabora o Executivo Provincial con máis de 6.000 euros tendo en conta a singularidade destes entroidos e as súas oportunidades económicas
  • No acto tamén participaron Tomé Roca e Basadre Vázquez como representantes da Zona Centro e Sur de Lugo, destacando os diferentes entroidos e actividades que se desenvolven na provincia durante estas datas
  • A Deputación tamén colabora cos entroidos de Begonte, Cospeito, Pantón, Taboada e O Valadouro enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo do que o Goberno Provincial achega máis de 330.000 euros para a celebración de 70 eventos na provincia

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto ao Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, é á Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez, presentaron este mércores no CENTRAD, os principais entroidos da provincia cos que colabora o Goberno da Deputación. Trátanse do Entroido Ribeirao, en Chantada; o Oso do Salcedo, na Pobra do Brollón, o Val de Francos, en Castro de Rei; e o Enterro da Sardiña, en Viveiro. Son máis de 6.000 euros os que o Executivo Provincial decidiu achegar para a celebración destas 4 citas tendo en conta a singularidade destes entroidos e as súas oportunidades económicas, pois promoven a cultura e impulsan o turismo en toda a provincia.

No acto tamén participaron integrantes da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao. Santos Ramos puxo en valor “o traballo e a implicación que dende hai anos levan a cabo os veciños da nosa provincia para manter vivos estes 4 entroidos diferentes, fermosos e imprescindibles de Galicia.

Dende este Goberno da Deputación, queremos facer con vós máis provincia. Por iso, non dubidamos en sumar esforzos para poñer en valor estas tradicións, que forman parte do noso patrimonio inmaterial e da nosa identidade cultural, sendo capaz de reunir a milleiros de persoas durante estas datas”.

O Deputado de Relacións Institucionais destacou que “o Executivo Provincial tamén colabora economicamente cos entroidos de Begonte, Cospeito, Pantón, Taboada e O Valadouro enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo do que achegamos máis de 330.000 euros para a celebración de 70 eventos turísticos e gastronómicos en Concellos de toda a provincia. E o facemos sendo na maioría dos casos a única administración que colabora cos municipios na organización deste tipo de eventos. Deste xeito, promovemos as nosas costumes, os nosos produtos autóctonos e de calidade, ao tempo que dinamizamos a vida e a economía das vilas da provincia”.

Entroido de Monforte de Lemos

Tomé Roca lembrou que no Concello de Monforte de Lemos o Entroido comezou o 1 de febreiro co xoves de Compadres e “mañá terá lugar o xoves de Comadres, unha xornada na que os homes realizan parodias das mulleres do municipio a través de materias sinxelos coma cartón, pallas e papeis. As festas continuarán co martes de Entroido, unha xornada na que prevemos a participación de máis de 1.000 persoas, e remataremos o mércores co enterro da sardiña no río Cabe”. A programación do Entroido de Monforte de Lemos contará cos tradicionais desfiles, que teñen un total de 11.000 euros en premios, charangas, comparsas e orquestras.

Entroido de Lugo

Basadre Vázquez adiantou que a programación do Entroido da capital lucense contará cunha Feira de produtos típicos na Praza Anxo Fernández Gómez, música nas rúas e prazas a cargo de charangas e comparsas, concurso de ferretes e desfile de disfraces dende a Praza da Soidade ata a Praza Maior, con premios económicos para adultos e nenos, son só algunhas das actividades da ampla programación para este 2018. Para esta edición do Entroido de Lugo, que se desenvolverá dende o 9 ao 14 de febreiro, o Goberno Municipal puxo en marcha a campaña Desenmascara o machismo, unha iniciativa por un Entroido libre de sexismo, que ten como finalidade ensinar a vivir o Entroido libre de roles e estereotipos sexistas dende a nenez.

Entroido Ribeirao

O Executivo converte á Deputación na principal colaboradora cos veciños de Chantada. Faino con 3.000 euros, que contribúen á organización e celebración desta cita os días 28 de xaneiro, o 4, 11 e 13 de febreiro, na parroquia de Santiago de Arriba, no municipio chantadino. Os integrantes da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao recuperaron esta tradición no ano 2.000, organizando e conservado dende entón esta festa, sendo a única de carácter ancestral da provincia de Lugo.

Durante o Entroido Ribeirao os famosos volantes que representan aos antigos feudais son os encargados, todos os días, de pasar polas hortas dos veciños de Santiago de Arriba, como unha chamada ao bo tempo, xa que se pensa que protexen as colleitas do ano por onde eles pasen. Estes personaxes portan na cabeza puchos con cintas de colores, así como un cinto na cadeira con 25 campás. Todo isto escoltados polos maragatos que van ataviados con peles de animais como coellos e zorros, e que son os gardas e protectores dos volantes. Na festa tamén participan os mecos, cunhas máscaras elaboradas con papeis de xornais e vestidos con camisas e pantalóns de cor vermella e amarela, que escenifican e representan teatralmente “oficios”, problemas e temas de actualidade polas rúas da parroquia chantadesa, co seu particular punto de vista satírico.

Oso de Salcedo

A festividade celébrase do 10 ao 13 de febreiro na parroquia de Salcedo, no Concello da Pobra do Brollón. É unha cita tradicional que simboliza a fecundidade das mulleres e a chegada da primavera. Esta festa atrae a máis de 3.000 persoas á Salcedo e representa unha das celebracións máis importantes da Ribeira Sacra. A tradición di que cada luns de Entroido, tras os cantos dos Cegos o Oso de Salcedo, un personaxe vestido con peles e cuberto cunha máscara, persigue aos visitantes tinguíndoos de cinza, barro e carbón. Esta figura ancestral vai acompañado de entre 12 ou 14 criados que lle axudan nas súas tarefas, percorrendo todos os recunchos da localidade.

Val de Francos

Trátase da cita por excelencia do Entroido tradicional chairego que terá lugar os días 10 e 13 de febreiro nas parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno, no Concello de Castro de Rei. Esta festa pagá organizada pola Asociación Val de Francos arrincará na noite do sábado 10 coa degustación gratuíta de produtos autóctonos como liscos, chourizos, bolos preñados…, que se completará cunha gran chocolatada. Os actos do martes 13 comezarán ás 16:30 horas coa chegada do Entroido ao campo da festa, escoltado polo grupo de gaitas Os Valuros. Alí lerase o sermón, ditarase sentenza e Don Carnal arderá. Unha vez concluído o xuízo, a celebración continuará con sorteos entre os presentes de varias cestas de Entroido e verbena a cargo da orquestra Xacobeo.

Enterro da Sardiña

Trátase do último acto do Entroido de Viveiro. É o único “enterro” que utiliza sábana branca, que é totalmente distinto do resto, pois as sábanas xunto coas coplas son propias deste acto. O mércores 14 ás 21:00 horas terá lugar dita celebración, cuxa comitiva fúnebre partirá dende a praciña da Herba rumbo á praza Maior, lugar onde levarase a cabo a incineración. A continuación, repartiranse bolos preñados e viño entre os asistentes. O Concello de Viveiro non descarta iniciar o expediente para pedir que o Enterro da sardiña se converta en Festa de Interese Turístico. A celebración reúne todos os requisitos que esixe a Xunta de Galicia para dar o visto bo á denominación: antigüidade, raizame popular, continuidade no tempo e orixinalidade.

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Filament.io 0 Flares ×