Faladoiros Feministas en Lugo

Fecha 2-02-2018 a 25-05-2018
0 Flares Filament.io 0 Flares ×

Concello e Deputación poñen en marcha os Faladoiros Feministas, un espazo de reflexión da actualidade dende a mirada da muller

  • Ana Abelleira e Sonsoles López presentaron a programación de relatorios desta iniciativa, que arrincará mañá, ás 20:00 horas, no auditorio do Vello Cárcere, cunha charla sobre mulleres empoderadas nas series televisivas
  • O resto de conferencias desenvolveranse ata o 25 de maio no mesmo emprazamento. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, presentaron este xoves, no patio do Vello Cárcere, a programación de Faladoiros Feministas, que pon en marcha o Concello e a Deputación de Lugo co obxecto de crear un espazo de reflexión da actualidade dende a mirada da muller. A programación arrincará este venres, 2 de febreiro, e desenvolverase ata o 25 de maio no auditorio do centro cultural do Vello Cárcere. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo, 137 prazas.

Durante o acto, no que tamén estivo presente Carmen Simón, representanta do Foro Feminista que se reúne os xoves no centro do Concello de Maruja Mallo, Ana Abelleira insistiu na necesidade do feminismo e lembrou a Simone de Beauvoir, quen o definía como unha forma de vivir a vida individualmente e de loitar pacífica e coletivamente.

Así mesmo tamén quixo recordar a creación desta corrente, unha historia de hai 3 séculos, e reivindicou ao feminismo como un dereito de igualdade. Para rematar, fixo un chamamento ao compromiso coa igualdade de dereitos e coa súa visibilización, unha competencia tanto dos organismos públicos como da cidadanía.

Pola súa banda, Sonsoles López apuntou que “con estes faladoiros amosamos á cidadanía o significado real do feminismo porque cremos que hai moito descoñecemento deste movemento social que ten como principal obxectivo a igualdade de dereitos entre homes e mulleres, ao tempo que dende Deputación e Concello de Lugo queremos poñer en valor o fundamental papel que xogan as mulleres na nosa sociedade, dentro da nosa aposta conxunta por ser unhas institucións sumamente sociais e coas persoas”.

“Durante todos estes anos fóronse acadando dereitos importantes pero aínda quedan moitos polos que loitar, por exemplo acabar coa lacra da violencia de xénero, coas discriminacións salariais e nas pensións, as taxas de desemprego feminino, a prevalencia de homes sobre mulleres en postos de responsabilidade política, social, cultural e económica; ou as enormes trabas para a conciliación entre a vida persoal, laboral e familiar, son algúns exemplos do noso día a día”.

Esta iniciativa, de conexión do feminismo coa cidadadanía, trata de propoñer alternativas, para siutacións derivadas da estrutura social patriarcal, erradicar os prexuízos que engaiolan ás mulleres, empoderalas e achegar o feminismo á sociedade, como ferramenta de loita contra as violencias machistas. Deste xeito, con esta programación de conferencias búscase aportar ferramentas e recursos para fortalecer o empoderamente feminino, favorecer o coñecemento e a situación actual en cuestións de igualdade, identificar as causas do estado actual de opresión patricular e definir propostas de solución, entre outros.

Relatorios

Os Faladoiros Feministas comezarán cunha charla con soporte audiovisual sobre series de televisión, onde a muller é protagonista e símbolo de empoderamento. Será a cargo da xornalista e licenciada en humanidades, María Valcárcel, mañá venres a partir das 20:00 horas.

O segundo relatorio será o 16 de febreiro e versará sobre como construír a identidade das mulleres. A encargada é María Reimóndez, doutora en Tradución e Interpretación e fundadora da organización Implicadas no Desenvolvemento. A terceira das conferencias será o 2 de marzo. María Xosé Porteiro, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas falará sobre a violencia simbólica.

Completan a programación os relatorios de Rosa Cobo, profesora de Socioloxía e Directora do Centro de Estudos do Xénero e Feminista da UDC, sobre as aportacións do feminismo e novas formas do patriarcado, o 6 de abril; e de Marica Campo, mestra en varias escolas da provincia, sobre o feminismo e a literatura, o 25 de maio. Todas elas comezarán ás 20:00 horas no Vello Cárcere.

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Filament.io 0 Flares ×