Exposición en Lugo: Colección Xoán Anllo. Arte Africana

Fecha 1-12-2017 a 1-12-2050
0 Flares Filament.io 0 Flares ×

Apertura dunha nova sala do MPLugo para expoñer a ‘Colección Xoán Anllo. Arte Africana’

O xoves, 23 de novembro, ás 19:30 horas, o presidente da Deputación de Lugo, xunto coa deputada de Cultura, Pilar García Porto, inauguran unha nova sala no MPlugo, a nº 29, onde se expón desde esta data permanentemente a ‘Colección Xoán Anllo. Arte Africana’. Ao acto asiste tamén o doador, Xoán Anllo, coleccionista que depositou esta colección no MPLugo en abril de 2015.

»»Inauguración: xoves, 23 de novembro, ás 19:30 h.
»»Actuación dun grupo de canto, percusión e danza tradicional africana.

Xoán Anllo, o coleccionista
Xoán Anllo é un home de raíces chairegas que por razóns profesionais (tradutor das Nacións Unidas) percorreu moito mundo descubrindo a arte africana e namorándose dela. Nas súas numerosas viaxes a África pero tamén a galerías de arte de Xenebra, Amsterdam, Nova Iorque ou Madrid foi, durante mais de corenta anos, e cunha fascinación por esta arte que aínda mantén intacta, logra conformar unha completísima colección formada por mais de dúas centenas de pezas que a partir de agora poderemos desfrutar neste Museo.

A colección
A colección permanente que se pode visitar na sala 29 ofrece cento dúas pezas e o volume dos fondos fai obrigada, logo duns anos, a rotación dos mesmos para ter a oportunidade de contemplar os que de momento se atopan en reserva pola escaseza de espazo.

O contido da mostra estruturouse en cinco grandes bloques: mobiliario, regalías, máscaras, escultura e ourivería.

Mobiliario
As portas e xanelas de celeiros, vivendas e santuarios foron ricamente talladas para mostrar ao transeúnte o elevado status económico alcanzado polo propietario da construcción. Eses elementos acostumaban estar coroados por artísticas pechaduras.

Regalías
Denomínanse así os obsequios ofrecidos entre os xefes de grupos tribais ou altos mandatarios. A este grupo de símbolos de poder pertencen os espantamoscas, bastóns de mando, repousanucas ou peites.

Máscaras
Pezas empregadas fundamentalmente en tres tipos de celebracións ligadas á fertilidade, iniciación e morte. Hainas antropomorfas, zoomorfas, antropozoomorfas; faciais, craniais, de ombreiros, casco, helmo, cimeiras, con superestructuras; realistas ou abstractas que representan calidades como a nobreza, beleza, coraxe ou humor.

Escultura
As figuras antropomorfas monopolizan practicamente este variado grupo de esculturas entre as que podemos contemplar fetiches de Togo, cónxuxes do outro mundo baulés, bonecas da fecundidade de Ghana e Camerún, cabaleiros dogóns, obas do Reino de Benin, gardiáns de relicario de Gabón ou figuriñas de culto aos devanceiros Fon.

Ourivería
Na vitrina adicada aos adornos sobresaen, tanto polo dominio técnico alcanzado na elaboración das pezas, como pola súa beleza, catro grupos de exemplares: o primeiro o compón unha parella de fabulosas pulseiras de nortello. Se trata dun conxunto de xoias en bronce, de uso cerimonial; o segundo o forman catro chaves de veo usadas polas mulleres tuareg; o terceiro o integran cinco peites de Ghana que se levaban coroando elaborados peiteados; e, por último, conta a vitrina cunha parella de colares empregados por altos dignatarios.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
»»Unidades Didácticas (en preparación):
‘Onde está África? Arriba ou abaixo?’ (para o alumnado de 5º e 6º de Ensino Primario)
‘Que sabes de África? Existe?’ (para o alumnado de 1º ciclo de ESO)

»»Obradoiros. En preparación 2 abradoiros ( de 4 a 8 anos / de 12 a 14 anos) para a programación de actividades de Nadal.

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Filament.io 0 Flares ×