Exposición en Lugo: EPHEMERA, de David Catá

Fecha 16-11-2017 a 28-01-2018
0 Flares Filament.io 0 Flares ×

Exposición en Lugo: EPHEMERA, de David Catá.
(Do 16 de novembro ao 28 de xaneiro de 2018)

Herodoto, historiador grego do s. V a. C. considerado como o pai da historia, definía aos humanos como seres efémeros de azaroso destino.

A vida é efémera e está chea de momentos fuxidíos. Esta premisa artella toda a mostra de David Catá e, incluso, diríamos a meirande parte da súa produción artística. A composición de múltiples momentos fugaces relatados en series ou proxectos concretos e captados sobre todo fotograficamente, consolidan ou recuperan instantes perdidos: xogos de luces e sombras, motas de pó, dentes de león flotando ou pousados etereamente … que, en conxunto, lembran sempre conceptos profundos cargados de sim­bolismos existenciais, a pesar da súa aparente fraxilidade. O pasado persoal e familiar, os descoidos da memoria, o paso do tempo, a dor das perdas e as lembranzas, son temas tratados polo artista viveirense a través de intervencións, instalacións, pintura, fotografía, música ou videoarte.

A creatividade multidisciplinar de Catá fai que poda expresarse a través de varios medios utilizando similares conceptos ou fíos argumentais. Co uso desas distintas modalidades de expresión, misturando imaxes e música, por exemplo, consegue que a comunicación ou a transmisión das súas inquedanzas cheguen citius, altius et fortius.

Non obstante, o existencialismo conceptual, subxacente na presentación visual das obras recompiladas para esta exposición, non reflicte pesimismo nen angustia, senón máis ben unha serena aceptación inherente a esa beleza formal.

Ephemera chega con David Catá nun momento de madurez creativa, que non vital (Viveiro, 1988), resultado dunha consolidación artística profesional, con varios recoñecementos e premios acadados recentemente, e como produto dunha intensa busca interior para atopar o seu camiño e medio de ex­presión.

Esta exposición vai máis alá de amosar os periplos dunha busca estética ou creativa, é un exercicio ca­tártico no que pranta cara ao esquecemento “facendo carne” o sufrimento.

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Filament.io 0 Flares ×