A programación promovida polo departamento de Cultura para o mes de xullo comezará co Orballo Cultural, un ciclo de concertos de recoñecidos artistas galegos e nacionais, pero con oco tamén para a música local. Estes concertos celebraranse no Patio do Colexio Santa María os días 10 e 11 de xullo.
O concelleiro de Cultura, Vicente Roca manifesta que “con este festival realizamos unha aposta decidida polas novas propostas que están a xurdir tanto na escena musical galega como na nacional. Deste xeito, procuramos achegar a cultura ás xeracións máis mozas, facilitándolle unha ampla oferta de ocio”.
O Orballo Cultural pontés comezará o sábado 10 de xullo cunha sesión vermú ás 12.30 horas amenizada por Verto, o grupo sensación do panorama musical galego. Cos seus ritmos pop, trap e disco farán difícil non erguerse das cadeiras. Comezaron con Oie Gayego ou Rebolando x ti e tras o seu exitoso primeiro EP, Puro Ocio, estes dous rapaces están presentando o seu primeiro álbum Embora, que xa acumula milleiros de escoitas en Spotify.
Ese mesmo día, ás 21.30 horas, Ptazeta, autora de temas virais como Mami ou Trakata, dará o seu primeiro concerto en Galicia. Con tan só 22 anos, ábrese camiño no mundo da música urbana manifestándose a través de diferentes estilos musicais, pero sobre todo mediante o rap. A canaria xa conta cun disco de ouro e outro de platino, mentres que as súas reproducións sitúanse xa en máis de dous millóns de ouvintes mensuais na plataforma Spotify.
Cando este remate, será a quenda para que o pontés Manufa poña sobre o escenario música que define como aleatoria e variada. Este prometedor artista da nosa vila narra os feitos que acontecen arredor da súa vida con ritmos saltinvanquis e un estilo dificilmente clasificable en ningún xénero musical concreto. Esta será a primeira ocasión para velo en directo, logo de que o inicio da súa carreira musical se vira influenciado pola pandemia.