Noticias de Hoy
noia harp fest 2022
Fecha: 04/08/2022 a 07/08/2022
Horario: 01:00 a 01:00

IX Festival Internacional de Arpa Vila de Noia

A vila de Noia xa ten data de celebración do seu Festival Internacional de Arpa: do 3 ao 7 de agosto, o corazón da Ría da Estrela volverá acoller o Noia Harp Fest, un certame musical único na súa especie, ao ser o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa.

O director artístico do Noia Harp Fest (NHF), o músico Rodrigo Romaní, presentou esta mañá os cabezas de cartel desta nova edición do festival no que, como é habitual, encontraranse artistas de ámbito galego, estatal e internacional, de estilos diversos, cuxo fío condutor será, unha vez máis, a interpretación musical a través da arpa. Nomes como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio ou Bleuenn le Friec formarán parte da novena edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre coma no interior de recintos culturais da vila de concertos singulares e dunha notable calidade artística.

“Fainos especial ilusión presentar a programación desta edición, logo de dous anos de pandemia, na que podemos aseverar que o Noia Harp Fest avanza na súa proxección a nivel estatal e internacional. É un encontro único do instrumento no noroeste peninsular e, sen dúbida, se consolida como unha cita imprescindible no calendario musical”, sinalou Rodrigo Romaní. A cita, ademais, contará participación do salmantino Trío Clepsidra grazas á colaboración da Asociación Española de Arpistas (AEDA). Será un concerto especial que incluirá tamén a actuación da ou do artista vencedor no I Concurso AEDA para novos intérpretes.

Outra das principais novidades deste Noia Harp Fest, grazas ao patrocinio de Noia Turismo, será a celebración da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra, “unha combinación atractiva e inspiradora da que non son abondosos os exemplos cos que contan os profesionais, solistas e orquestras”, apuntou Romaní. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia na tempada 2022-2023. “É un luxo poder avanzar esta colaboración que, sen dúbida, afondará na singularidade do certame como exemplo de creación, contemporaneidade e dinamización cultural. Será unha excepcional ocasión para festexar o décimo aniversario do festival”, aseverou o director.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Turismo de Noia, José Pérez, salientou a proxección que ofrece o evento “ao situar Noia como un destino turístico para público familiar, para as e os amantes da música e, moi especialmente, para todas aquelas persoas con interese en gozar dunha experiencia única no corazón dunha vila medieval”. Ao fío, o edil lembrou a relevancia de Noia como “punto fundamental” na recentemente recoñecida Ruta Xacobea Portus Apostoli, “o Camiño do Mar”, e que abre “unha nova ventá de oportunidade de expeciencia cultural para todas as peregrinas e peregrinos que se acheguen a Ría da Estrela”.

 

Programación

O IX Festival Internacional de Arpa Vila de Noia propón un programa aberto á diversidade musical e estilística, na que o público poderá gozar da interpretación de artistas procedentes de Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia, ademais de numerosas intérpretes galegas. Entre os nomes, destacada a presenza da arpista bretona Savourna Stevenson, quen se distingue polo seu particular e ecléctico impulso innovador para romper barreiras entre clásico, folk, raíz e jazz. A intérprete acompañarase do saxofonista Steve Kettley.

Outro dos concertos imprescindibles será a do trío bretón Lune Blue, liderado por Clotilde Trouillaud,  a prestixiosa arpista que está a revolucionar o xeito de entender a música na arpa na Bretaña. Trouillaud, que regresa ao Noia Harp Fest logo de ofrecer unha actuación memorable como solista na edición do 2018, brindará ao público un espectáculo cativador coa colaboración do guitarrista Erwan Bérenguer e do batería Jean-Maria Stephant.

Tampouco faltará á cita en Noia un dos países habituais e no que a arpa é o instrumento nacional: Paraguai. Desta quenda será o dúo Hermanos Corbalán -habituais no Festival de Edimburgo- o que conquiste, coa súa sutileza e virtuosismo, ao publico noiés. E de Suramérica ao continente africano, o Noia Harp Fest percorrerá estilos e paisaxes sonoras. Unha das propostas máis singulares deste ano será a presenza do Kora Jazz Trio, banda senegalesa que destaca pola súa capacidade e orixinalidade na fusión musical e que conta cunha morea de fieis en países como Brasil, Xapón, Francia ou Arxelia.

Este verán o Noia Harp Fest tamén explora as relacións da música co audiovisual. Ese será o eixe da proposta que a arpista bretona Bleuenn Le Friec e o guitarrista noiés Rafa Fernández presenten no festival: unha conversa musical acompañada de videoproxeccións que transportarán ao público a un mundo de ensoñación. E alén da fusión, o festival tamén achegará o traballo de grandes figuras da música antiga, como é o caso da cantante polaca Paulina Ceremuzynska e o arpista compostelán Manuel Vilas; ou mesmo do alumnado que forma parte das diferentes escolas xuvenís de arpa de toda Galicia.

O programa completarase coa presentación de Tal como as nubes, o primeiro álbum en solitario de Beatriz Martínez, a figura máis relevante de Galicia no eido da arpa céltica. A intérprete, membro de SonDeSeu e do grupo Ghaveta, estará acompañada  ao buzuki e á guitarra acústica por Diego Langarika.

Sedes e actividades

Noia Harp Fest celebrarase nas sedes habituais do festival, como son a Praza do Tapal ou a Igrexa de Santa María A Nova, mais tamén este ano o Teatro Coliseo Noela será un dos espazos referenciais. “A nosa intención é que o festival se integre máis aínda na cidade e que ofreza propostas abertas a ceo aberto pero tamén en grandes teatros”, sinalou Romaní durante a presentación. Nas vindeiras semanas a dirección do Noia Harp Fest dará a coñecer novas actividades completementarias “que completarán unha proposta consistente e redonda, que atenderá aos públicos especializados e a aqueles que se queiran achegar a Noia para descubrir unha cita musical única”, garantiu o director.

A novena edición Festival Internacional de Arpa Vila de Noia conta co patrocinio do Concello de Noia e coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e a distribuidora dixital de música Altafonte. Tamén apoian o evento o Liceo de Noia e a Asociación Terra de Outes.