Noticias de Hoy
Cartel Seleccion Noroeste
Fecha: 04/10/2018 a 13/12/2018
Horario: 01:00

Festival Noroeste Estrella Galicia 2018: Ciclo de conciertos Selección Noroeste

Festival Noroeste Estrella Galicia 2018: Ciclo de conciertos Selección Noroeste.

O Festival Noroeste Estrella Galicia extenderá a súa programación ao longo de todo o ano grazas á Selección Noroeste, o seu ciclo de directos singulares para padais exquisitos, que regresa este outono para gozar desde o patio de butacas das mellores bandas e artistas como unha antesala do que será a próxima edición do festival. Así, o ciclo Selección Noroeste Outono 2018 contará con tres directos singulares. O primeiro deles correrá a cargo de Roy Ellis, cuxa actuación prevista no Noroeste o pasado mes agosto tivo que ser suspendida por mor da choiva. Ellis chegará ao Teatro Colón o xoves 4 de outubro ás 20.30h a ritmo do mellor reggae.

Pola súa banda, tralo bo sabor de boca que deixou a súa actuación no Castelo de Santo Antón en agosto, Maria Arnal i Marcel Bagés regresarán á cidade herculina o xoves 15 de novembro, ás 20.30 horas, cun concerto moi especial sobre as táboas do Colón, que suporá o fin da xira do seu exitoso traballo 45 cerebros y 1 corazón. Finalmente, o inclasificable Niño de Elche –que deixara boquiaberto ao público do Noroeste Estrella Galicia en 2016 co seu flamenco experimental- presentará o seu último disco Antología del cante flamenco heterodoxo o xoves 13 de decembro, ás 20.30 horas, tamén no Teatro Colón.

O acceso ao directo de Roy Ellis será de balde con invitación, que poderá recollerse no quiosco municipal da Praza de Ourense o martes 2 de outubro, a partir das 10.00h, por estricto orden de chegada, ata fin de existencias (cun máximo de dúas invitacións por persoa). As entradas para os concertos de Maria Arnal i Marcel Bagés e Niño de Elche sairán próximamente á venda a través da plataforma online Ticketea.

TRES DIRECTOS SINGULARES NO CICLO SELECCIÓN NOROESTE OUTONO 2018


PROGRAMACIÓN

ROY ELLIS. Aos seus 72 anos, Roy Ellis -Mr. Symarip- é o artista jamaicano da súa xeración que máis actuacións ofrece en directo. Volveu aos escenarios en 2007 e, desde entón, non parou de traballar. Editou sete discos en tres continentes distintos e actuou en multitude de países por todo o mundo. A historia de Ellis, que cantou gospel desde que era un neno (prodixio), remóntase á década dos 60 do século pasado, cando participou -primeiro tocando o trombón, logo como compositor e cantante- no grupo Symarip (anteriormente coñecido como The Pyramids), aventura que duraría ata finais dos 80. Con Symarip, abanderado da música ska, sumándose ao auxe do movemento skindhead en Gran Bretaña, Ellis editaría en 1969 Skinhead Moonstomp, un dos discos de reggae máis vendidos da historia, con máis de sete millóns de copias despachadas. Fincado en Suíza desde os 80, onde forxou unha carreira en solitario dentro do gospel e o soul, esta volta ao reggae supúxolle unha segunda mocidade que lle permitiu reencontrarse cos seus vellos seguidores e con novos entusiastas do xénero. Todos eles veneran a unha lenda viva da música popular.

¿Cando? Xoves 4 de outubro, ás 20.30 horas, no Teatro Colón.


MARIA ARNAL I MARCEL BAGÉS. Co o seu álbum de debut, 45 cerebros y 1 corazón (Fina Estampa, 2017), incluído nas listas dos mellores discos de 2017 nos medios más influíntes do sector, Maria Arnal i Marcel Bagés deixaron de ser unha promesa para converterse nunha das realidades máis sólidas da música feita aquí. Un paso de xigante na fulgurante traxectoria dun dúo que conta os seus directos por abducións e que, a partir dunha feitizante mestura de emoción, actitude e talento, deixa un rastro de seguimento incondicional por onde pasa. O unánime eloxio da crítica ao seu primero traballo foi tamén secundado por premios coma o Ciutat de Barcelona de Música, o Premi Altaveu ou o Premio ARC ao artista revelación. Desde a publicación de 45 cerebros y 1 corazón en abril de 2017, Maria Arnal i Marcel Bagés deron máis de 70 concertos, esgotando aforos en Barcelona, Madrid, Zaragoza, Burgos ou A Coruña, onde agora regresan para engaiolar ao público da Selección Noroeste Outono 2018, tralo bo sabor de boca da súa actuación no Castelo de Santo Antón a pasado mes de agosto. Sobre as táboas do Teatro Colón desplegarán de novo o seu magnético folk, íntimo e comprometido. Con el, visitaron tamén Francia, Portugal, Rusia, Bulgaria e Kazajistán, demostrando que a autoría encaixa á perfección no seu proxecto de continuación da cadena de transmisión da música popular.

¿Cando? Xoves 15 de novembro, ás 20.30 horas, no Teatro Colón.


NIÑO DE ELCHE. A rama experimental do flamenco ten en Niño de Elche o seu embaixador máis visible e aclamado dos últimos tempos. Francisco Contreras, nacido en 1985 na localidade alacantina de Elx e residente en Sevilla, logrou acaparar a atención da crítica especializada conseguindo situar o seu disco Voces del extremo (2015) como o mellor do ano para medios como El País ou Rockdelux. Porén, a súa traxectoria remóntase a case unha década, coa edición de Mis primeros llantos (2007), ao que seguiron outros proxectos tan dispares como o espectáculo VaconBacon, cantar las fuerzas, sobre o artista plástico Francis Bacon, ou os personalísimos traballos discográficos Sí, a Miguel Hernández (2013) e Las malditas órdenes del coronel (2013), xunto ao grupo de improvisación SEIDAGASA. Interesado en mostrar un flamenco do século XXI plural, intenso e descontextualizado, este verdadeiro catalizador de sons rock, electrónicos e minimalistas asegura sentir a mesma devoción por Antony & The Johnsons ou Kraftwerk que por Fátima Miranda, Diamanda Galas ou Metálica. No escenario, o cantaor mestúrase co autor performance, deixando vía libre á poesía e á improvisación. Unha experiencia paroxística que, segundo o seu creador, procura o equilibrio entre o físico e o sonoro.

Coa bagaxe ao seu lombo dun libro publicado e numerosos proxectos colaborativos con outros creadores, Niño de Elche reafírmase como unha revolución creativa con indubidable carga política e que descoñece límites como artista. O seu novo proxecto -dirixido polo artista Pedro G. Romero e producido por Raúl Refree- sorprende baixo o nome de Antología del cante flamenco heterodoxo. Composta por 27 pezas, esta antoloxía recolle as raíces flamencas do cantaor reinventadas en crebacabezas sonoros como El tango de la Menegilda, Las seguiriyas del silogismo ou Aguaespejo granadino. Entre as súas influencias encóntrase o imaxinario experimental de Val del Omar, a conceptualidade de Valcárcel Medina, a subversión de Eugenio Noel ou o nacionalismo rañado de Manuel de Falla, que conviven con versións de compositores contemporáneos como Crumb, Shostakovich, Luigi Nono, Tim Buckley ou Mikel Laboa e creacións persoais sobre textos de Antonio Machado, Juli Vallmitjana, Lafargue, Giménez Caballero ou San Juan de la Cruz. Para a creación de Antología do cante flamenco heterodoxo, Niño de Elche contou con colaboradores de excepción coma o bailaor Israel Galván, os guitarristas Pájaro e Diego de Morón, o organista Juan de la Rubia ou o pianista Alejandro Rojas-Marcos. Nesta nova travesía, acompañaranlle en directo Raúl Cantizano con guitarras (flamenca e acústica) e percusión, e Susana Hernández (Ylia) aos teclados, sintetizadores e electrónica.

¿Cando? Xoves 13 de decembro, ás 20.30 horas, no Teatro Colón.

[gallery ids="24395,24396,24397" orderby="rand"]

Festival Noroeste Estrella Galicia 2018  Ciclo de conciertos Seleccion Noroeste