Noticias de Hoy
Localidad: A Coruña
Fecha: 03/12/2017
Horario: 20:00 a 20:00

Concierto de Guadi Galego en A Coruña

Concierto de Guadi Galego en A Coruña.

Guadi Galego, despois de ser a voz de Berrogüetto ou desenvolver proxectos coma Espido, con Guillerme Fernández, ou Nordestin@s, con Abe Rábade e Ugia Pedreira, comezou a súa carreira en solitario no 2009 con Benzón, aclamado pola crítica galega e española, que acada o premio ao mellor disco do ano e candidatura aos premios da Música. No 2014 ve a luz o seu segundo traballo en solitario, Lúas de outubro e agosto, e no 2016, ano en que acada o Premio Martín Códax da Música á mellor artista na categoría de canción de autor, sae o terceiro, O mundo está parado (FOL Música, 2016).

Dez temas redondos para deter o tempo, con letras que viaxan do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade e a coherencia. O seus directos teñen esa sonoridade envolvente con arrecendo pop, un son que funambula entre a tradición e a vangarda e que acada a súa madurez neste último traballo. Unha presa de cancións sobre a necesidade de parar a sentir, a reflexionar, a respirar, nun mundo que, malia a aparente velocidade e exceso de información, está parado no máis humano. Esgotou a primeira tirada, de vinilos, en apenas un mes, e foi escollido polo crítico Fernando Neira entre os cinco mellores discos do 2016. Despois de, en apenas un ano desde a súa estrea, percorrer escenarios de toda a Península, ir a dúas das feiras máis destacadas do Estado, con proxección europea (o Mercat de Música Viva de Vic, e, moi recentemente, a Trovam), Guadi Galego estará este domingo 3 de decembro na Coruña, como prato forte do Festi=, Festival das Artes pola Inclusión Cultural. A súa actuación será no auditorio do Centro Ágora ás 20 horas.