Noticias de Hoy
caminos
Fecha: 12/06/2018
Horario: 00:30 a 00:30

ButacaZero presenta #camiños en Santiago de Compostela

ButacaZero presenta #camiños en Santiago de Compostela.

ButacaZero volve atracar en Compostela coa súa última produción: #camiños, aproveitando a presenza de programadores e programadores motivada polo Galicia Escena Pro. A sesión, que terá lugar o luns 11 ás 23:30h, está fóra de programa, máis en todo caso será gratuíta para todas as persoas que desexen achegarse ao Colexio La Salle.

#camiños é unha peza de teatro físico, poético e moi político que pecha unha triloxía sobre a memoria, neste caso, a memoria do noso pobo, e veu abalada polo Centro Dramático Galego, que co-produce a obra, que se estreou no Salón Teatro o pasado 25 de xaneiro.

https://www.youtube.com/watch?v=ruZzQtt92fI

A peza nace dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas que, cada día máis e máis, enchen a nosa terra. E percorrendo eses camiños na procura de lugares deshabitados, Carrodeguas e Castiñeira foron tecendo unha peza que nos leva, precisamente, de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser. Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade. Para tecer este mapa, ButacaZero bota man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.

Para abordar #camiños, ButacaZero decidiu volver usar o tándem que xa utilizara para Voaxa e Carmín, xa que Xavier Castiñeira asina de novo a dirección. Pero desta vez, a propia Carrodeguas vai ficar tamén en escena, acompañada de Noelia Blanco, Celina Fernández Ponte, Pía Nicoletti e Noa Covelo. Cinco actrices que lucirán en escena grazas a Diego Valeiras, que se encargou do Vestiario, a Javier Quintana, que leva as luces e a Alba Blanco, quen tamén guiara o traballo corporal en Voaxa e Carmín e que asumiu a dirección da parte coreográfica. A última peza deste collage é Fran X. Rodriguez, que asina os audiovisuais ademáis do videoclip das Churrascas que, como non, actuarán o luns en rigoroso playback.

A maiores, a peza virá distribuída por Culturactiva, coopertativa cultural xa ben asentada na nosa terra, xa que leva dende o ano 2000 traballando na distribución e produción escénica e musical, na formación e na xestión integral de programacións e proxectos culturais comprometidos e transformadores.

EQUIPO

TEXTO Esther F. Carrodeguas
DIRECCIÓN Xavier Castiñeira
ELENCO Noelia Blanco, Noa Covelo, Celina Fernández e Pia Nicoletti, Esther F. Carrodeguas
ESCENOGRAFÍA Xavier Castiñeira
ASESORAMENTO ESCENOGRÁFICO Diego Valeiras
VESTIARIO ButacaZero e Diego Valeiras
ASESORAMENTO CORPORAL Alba Blanco
ILUMINACIÓN Javi Quintana
AUDIOVISUAIS Fran X. Rodriguez
COPRODUTORES Centro Dramático Galego (CDG)