Noticias de Hoy
Fecha: 02/11/2020
Horario: 21:00 a 21:00

Conversas semanais Mira unha cousiña… e as Tanxugueiras

Tanxugueiras achégase á celebración do primeiro aniversario do lanzamento de Contrapunto cun lote de actividade. O grupo conformado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro segue a aumentar a súa axenda de concertos ao vivo e actividade virtual co fin de manter, dentro das súas posibilidades, o máximo e máis próximo contacto co público. 

No mes de novembro, o trío continuará coas súas conversas semanais Mira unha cousiña…, nas que botan, a través das redes sociais, unha ollada á actualidade da man de figuras do ámbito cultural e do lecer. As convidadas das vindeiras semanas serán a actriz Isabel Risco (luns 2), a graffiteira Nana (luns 9), a poeta Míriam Ferradáns (luns 16) e o cantante de Rebeliom do Inframundo, Nervo (luns 30). 

Seguindo a liña iniciada o pasado mes de outubro de contacto con colectivos ou iniciativas sociais, e no marco da semana de celebración do 25N, o Día Internacional contra as Violencias Machistas, as integrantes de Tanxugueiras coñecerán o labor que desenvolven as traballadoras que conforman a Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM), entidade que agrupa a quen no seu día a día é o primeiro ou principal punto de referencia para moitas mulleres nos seus respectivos municipios.

Así, o 23 de novembro, Mira unha cousiña… abrirá a ventá virtual para coñecer o papel dos CIM e da situación da muller en Galicia da man de Lucía Núñez, secretaria de ASOCIM e traballadora do CIM de Monforte. 

Todas as conversas de Mira unha cousiña... emítense os luns a partir das 21.00 horas a través dos perfís de Tanxugueiras nas redes sociais Facebook, Instagram e Youtube, canles nas que quedan á disposición do público para a consulta logo da súa emisión.

Ademais desta iniciativa virtual, Tanxugueiras mantén a súa actividade musical con novas citas en escenarios galegos. A vindeira ocasión será o venres 13 de novembro, en Vilalba, unha data que recupera o directo aprazado no mes de marzo por mor da confinamento. As reservas para o concerto, que se celebrará a partir das 20.30 horas no auditorio municipal vilalbés, xa están completas. Xa no mes de decembro, o trío actuará o venres 11, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura de Narón, mentres que o domingo 20 estará en Cerceda