Cinema Miúdo en Ames

Fecha 24-11-2022
0 Flares Twitter 0 Facebook 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

Mural Street by Asylab

O festival de cinema infantil de Ames, Cinema Miúdo, quenta motores para a súa quinta edición na que estrea equipo xestor e imaxe gráfica. O cartel é obra de Alejandra Abalde, coñecida no mundo creativo como Srta. Doti, ilustradora e deseñadora de estilo colorido, cheo de personaxes simpáticos e estética chamativa. 

A imaxe foi traballada ata acadar un deseño atractivo tanto para nenos como para adultos e que non caese excesivamente na obviedade. O resultado é un pedaciño de filme no que podemos adiviñar “diversas formas simplificadas que representan a desbordante imaxinación da cativada”, tal e como explica Alejandra. 

Con este cartel, Srta. Doti senta as liñas básicas de deseño para esta nova etapa do festival en canto ao uso de cores e tipografías, que tamén veremos nas redes sociais do evento: Facebook e Instagram. 

Este cambio de imaxe vai da man dun cambio na dirección do festival que desde este ano, e por catro edicións, asume a produtora galega Abella, un equipo que xa traballou na

programación e a comunicación do certame en 2019 e que agora asume a xestión integral do evento, no que aplicarán a experiencia adquirida á fronte doutros festivais de cine, como o Galician Freaky Film Festival ou o Primavera do Cine. 

A concelleira de Cultura, Natividade González, explica que “un ano máis o festival de cinema miúdo xa está na nosa carteleira. Trátase dun proxecto que naceu co obxectivo de incentivar o gusto polo cine entre os máis pequenos e cuns claros obxectivos pedagóxicos. Este ano xa imos a pola quinta edición do festival o que é un claro indicativo de que Cinema Miúdo xa é un proxecto consolidado entre a rapazada de Ames e da comarca. Dende a Concellaría de Cultura estamos moi orgullosos deste programa porque é dos poucos que hai en Galicia, e incluso a nivel nacional, dirixido ao público infantil. Todos os anos se proxectan curtas de diversos países do mundo o que pon a Ames no mapa a nivel nacional e internacional”. 

Para Abella, a liña a seguir nesta nova etapa será tratar aos nenos e nenas como futuros adultos e adultas, ofrecendolles curtametraxes que, sen perder o sentido lúdico, lles axuden a nutrirse culturalmente e medrar. “Non queremos simplemente poñer debuxos, senon que os filmes sirvan para abordar cuestións importantes, ás veces complicadas de falar ou interiorizar para a rapazada ”. 

Con esa ilusión, o equipo de programación leva meses visionando e seleccionando pezas únicas e sorprendentes. Moitos dos filmes serán estreas en Galicia, pois trátase de pezas internacionais moi difíciles de ver noutro lugar. “Non hai nada máis enriquecedor e conciliador que empatizar con personas de Bután, Suecia ou Perú” conclúe de Castro. 

A sección oficial estará dividida en dúas categorías: Axóuxeres, para público de 2 a 7 anos, e Buxainas, para maiores de 7. En ambos casos, as curtametraxes optarán a un premio do xurado e outro do público.

Cinema Miúdo 

Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace no concello de Ames en 2018. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia. 

Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos ademáis de sesións específicas para escolares, mesas redondas para educadores, obradoiros, e sesións musicais.

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Twitter 0 Facebook 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×